lunes, 25 de mayo de 2009

Urbi et Orbi: desde o galego para o mundo

O 16 de maio tivo lugar a inauguración da exposición Urbi et Orbi: desde o galego para o mundo, un traballo froito da colaboración do IES María Soliño e do IES de Rodeira de Cangas do Morrazo. Auspiciado polo Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES María Soliño, esta exposición é un intento de resaltar a importancia da Literatura Galega a nivel internacional: nos paneis explicativos vanse desenvolvendo as diferentes etapas da traductoloxía, de Cicerón a George Steirner, así como as primeiras traducións do galego a outras linguas. O público pode observar e palpar os exemplares subministrados por algunhas embaixadas estranxeiras e polas editoriais galegas OQO e KALANDRAKA.
Podes seguir a cobertura informativa do evento no xornal Faro de Vigo na súa edición do Morrazo.
Na ágora do noso centro podedes vela durante o mes de xuño. Seguide a información colgada na páxina do IES María Soliño así como unha serie de fotografías.

domingo, 10 de mayo de 2009

Visita diplomática

Un grupo de aguerridos profesores/as do Morraço, Conventus Bracarensis, tentou hai algo máis dun mes restablecer as relacións diplomáticas coa Germania. O motivo da visita era coñecer de primeira man as causas da invasión do Noroeste peninsular por parte dos suevos alá polo século V da nosa era (teño que consultarllo a Anselmo non vaia meter a pata!!) e tamén a nosa posterior relación cos viños brancos xermanos (que hai de certo nesa tradición que os vincula aos viños do Mosela a través do Camiño de Santiago?). Con viño ou sen el puidemos comprobar que a cervexa, que corría polos nosos castros, non era descoñecida por estas latidudes...
A xenerosidade xermana brindóunos magníficas estadías en Berlín, Postdam, Spandau... pero, sen querelo, volviamos sempre ao mesmo sitio: a nosa Postdamer Platz. Contemplade unha pequena sinopse da súa prestancia.
Aufwiedersehen, Meine Damen und Herren!!.


viernes, 8 de mayo de 2009

Unha viaxe virtual

Aproveitando a lectura de certas pasaxes da obra de Exeria e imaxinando a súa volta a Gallaecia, os alumnos/as de 4º, divididos en dous grupos, fixeron trasladarse e descansar a nosa protagonista polas Vías romanas da época. Desde Porto cara Compostela, pasando por Bracara Augusta, Tui, onde na súa mansio puido contemplar atónita as tranquilas augas do Miño, Mos, Vigo... Segue parte do seu recorrido no mapa elaborado por eles mesmos.


Ver viasatlanticas Gallaecia nun mapa máis grande

lunes, 23 de marzo de 2009

Viaxe de estudos a Londres

Do 25 de febreiro ao 1 de marzo 40 alumnos/as de bacharelato do IES María Soliño e tres profesores, entre eles o que subscribe, realizaron unha viaxe de estudos a Londres. O programa foi bastante denso e o metro londinense converteuse no verdadeiro protagonista do noso periplo... Podes seguir un pequeno resumo da viaxe na páxina web do centro, onde dispós na galería de imaxes dunhas chamativas instantáneas.

domingo, 8 de febrero de 2009

Unha viaxe virtual pola Antigüidade: A Peregrinatio ou Itinerarium de Exeria

A finais do século IV – entre 381 e 384 – unha “monxa” galega de nome Exeria, que andaba polos corenta anos de idade, realiza unha viaxe á Terra Santa. Moito se ten escrito sobre o noso personaxe. Cal era realmente o seu nome?: Eucheria, Aetheria, Egeria… Na actualidade hai case total unanimidade en adoptar a forma latina Egeria desde o descubrimento en 1884 do manuscrito que contén a súa viaxe. Cal era a súa patria? Exeria era para uns orixinaria da Galia, para outros de Italia, aínda que a maioría se inclina en pensar que era de procedencia hispana, aínda máis, de orixe galega. Os que se decantan por esta última posibilidade baséanse, sobre todo, en razóns de tipo lingüístico (V. Väänänen, F.J. Veloso, J. Geraldes Freire). Hai outro tipo de testemuñas que aproximan a Exeria ao Noroeste peninsular, concretamente a Bergidum: Valerio do Bierzo no 680 pona como exemplo para os seus correlixionarios. Tamén temos outras referencias significativas na mesma Gallaecia: nun escrito de doazón de textos ao mosteiro de Celanova, con motivo da súa consagración, figura un Ingerarium Gerie, que se ten identificado co Itinerarium de Exeria. A mesma Exeria na súa obra (cap. 19,5) pon as seguintes palabras na boca do bispo de Edesa: “Xa que vexo, filla, que te impuxeches por causa da relixión o sacrificio tan grande de vir dende a fin da terra ata este lugares – de extremis … terris .. ad haec loca – …”, clara referencia naquela época ao Occidente hispano.
Moitos dos traballos que falan de Exeria transmítennola co cualificativo de “monxa”, aínda que este termo en latín non é anterior ao século VI. Sexa como for, a comunidade relixiosa de Oriente acóllena co máximo respecto e ela diríxese aos seus membros como sorores, dominae venerabiles sorores (“irmás en relixión”?). Podemos pensar que esta situación reflicta, en certa medida, unha relación de Exeria co priscilianismo na Gallaecia de entón e que esta mesma situación a impulsase a realizar a viaxe? A razón principal pode estar no feito de que os priscilianistas amosaban un grande interese polos Evanxeos e os Feitos dos Apóstolos apócrifos, que enxalzaban a vida ascética e itinerante. De aí a importancia que se lle concede ao feito de que Exeria sinta unha enorme ansiedade na súa visita á igrexa de Santo Tomás en Edesa, onde “lemos algo do propio Santo Tomás” (cap. 19,2) Que lería Exeria, As Actas ou o Evanxeo de Santo Tomás? A súa propia curiosidade levouna a realizar esta viaxe: “Eu, como che son ben curiosa… (Tunc ego, ut sum satis curiosa…)”.
Podemos achegarnos ao posible percorrido realizado por Exeria se temos en conta que faltan os primeiros folios e que a narración comeza no momento en que entra no val que a conducirá ao monte Sinaí. Saíndo de Occidente – Galicia? – chegou a Xerusalén na Pascua do ano 381. Hai unha lagoa cronolóxica importante xa que non sabemos nada da súa estadía en Oriente ata decembro do ano 383. Pisa primeiramente Constantinopla e de alí chega a Xerusalén onde visita cada un dos Santos Lugares: o sitio onde tivo lugar a Paixón e Resurrección de Cristo, o monte das Oliveiras, Getsemaní, Betania, etc… Atopámola máis tarde no val do Sinaí, a onde chegara procedente de Exipto, concretamente da Tebaida. De seguido percorre Samaría, toda Galilea e Xudea.

Descoñecemos a onde volveu ao final da súa viaxe, xa que ao final da primeira parte da súa obra parece non atoparse moi ben de saúde en Constantinopla.
Acabaría alí os se
us días ou volvería a Gallaecia?
“Pero en Exeria temos a primeira escritora galega en latín. E o parangón literario non se pode facer cos homes escritores en latín, porque no mundo romano… a actividade desenvolvida pola muller escritora foi moi escasa, ou case que nula. Non podemos saber a educación que recibiu, aínda que foi pouco máis alá das lecturas bíblicas.” (Exeria. Viaxe á Terra Santa. Tradución, introdución e notas de X. Eduardo López Pereira. Vigo 1991,p.23).

FONTES:
· J. Eduardo López Pereira, O primeiro espertar cultural de Galicia. USC 1989.
· Exeria. Viaxe á Terra Santa. Tradución, introdución e notas de X. Eduardo López Pereira.
Vigo 1991

Para achegarmonos á realidade social e cultural do século IV na Gallaecia romana, propoñémoslles aos alumnos/as dividir o traballo en catro grandes apartados:

  1. Situación política e administrativa do Imperio Romano: a división territorial de Hispania, límites xeográficos da Gallaecia romana na época de Exeria ( os conventus Bracarensis, Lucensis e Asturiciensis).
  2. A personalidade de Exeria e a súa obra. A súa posible relación co priscilianismo. A situación deste movemento rigorista no Noroeste peninsular. A lenda sobre o seu enterramento: Santiago ou Prisciliano?
  3. Resumo e localización espacial dos principais lugares que vai visitando a nosa viaxeira.
  4. Morte en Terra Santa ou volta á Gallaecia? Supoñamos por un momento que logra volver e que desembarca en Portus Cale para dirixirse pola Vía XIX , Bracara ad Asturicam, camiño de Iria Flavia: cales son as principais mansiones do Itinerario de Antonino que debe percorrer? En cal delas, se ti foses Exeria, che gustaría descansar? Estudo do léxico relativo ás comunicacións (itinerario, mansiones, miliario, stratam…)

(Nota: debemos fixarnos moi ben nos enlaces que se nos propoñen na Wikipedia. Subliñamos tamén a importancia das dúas fontes citadas anteriormente).


domingo, 1 de febrero de 2009

O legado do deus Berobreo

Relacionada co artigo anterior ofrecemos esta sinxela presentación, titulada O legado do deus Berobreo, e que lles servirá de exemplo aos alumnos de 4º da ESO de latín para poderen empregar esta ferramenta nos seus traballos posteriores.

O Hío, un topónimo paleoeuropeo?


De seguido presentamos un fragmento sobre o topónimo de O Hío, parroquia de Cangas do Morrazo - Pontevedra, extraído dun artigo da revista on line celtiberia.net asinado por Berobreo e que nos consta que ten unha relación especial con este lugar. A tradución ao galego é miña:

"O Hío é unha case illa, unha península bañada por dúas rías e un océano; mar ao norte, sur, oeste e polo leste agás nunha pequena zona onde esta península se une co resto da do Morrazo. A presenza do mar, e consecuentemente a xustificación da proveniencia de O Hío da raíz hidronímica proposta, é máis que evidente. Ademais temos a proba da arqueoloxía: un primitivo pobo precelta tiña o seu asentamento a medio quilómetro do que hoxe é a igrexa de O Hío, na mesma parroquia, no litoral, aos pés da mesma praia de Arneles. Trátase do coñecido e importante asentamento calcolítico de Lavapés, morada de incipientes agricultores cuns reducidos coñecementos da metalurxia. Atopáronse cerámicas decoradas acompañadas de materiais líticos (puntas de frecha, machados pulidos. ...) A súa cerámica posuía decoración campaniforme. Tratábase dun pequeño poboado de cabanas vexetais, asentado na ribeira mesmo da ría de Aldán, xusto na época da presumible entrada dos primeiros indoeuropeos no Noroeste, o que nos dá pé a crer que a ese asentamento lle podemos deber a formación do topónimo O Hío (Oío); situado como está á beira da ría podía o seu nome facer referencia a esta, pero tamén pode referirse a toda a península de O Hío, bordeada de mar por case todas as súas partes. Isto é perfectamente posible tendo en conta a evolución semántica da raíz *WEG W-".