Moitos dos traballos que falan de Exeria transmítennola co cualificativo de “monxa”, aínda que este termo en latín non é anterior ao século VI. Sexa como for, a comunidade relixiosa de Oriente acóllena co máximo respecto e ela diríxese aos seus membros como sorores, dominae venerabiles sorores (“irmás en relixión”?). Podemos pensar que esta situación reflicta, en certa medida, unha relación de Exeria co priscilianismo na Gallaecia de entón e que esta mesma situación a impulsase a realizar a viaxe? A razón principal pode estar no feito de que os priscilianistas amosaban un grande interese polos Evanxeos e os Feitos dos Apóstolos apócrifos, que enxalzaban a vida ascética e itinerante. De aí a importancia que se lle concede ao feito de que Exeria sinta unha enorme ansiedade na súa visita á igrexa de Santo Tomás en Edesa, onde “lemos algo do propio Santo Tomás” (cap. 19,2) Que lería Exeria, As Actas ou o Evanxeo de Santo Tomás? A súa propia curiosidade levouna a realizar esta viaxe: “Eu, como che son ben curiosa… (Tunc ego, ut sum satis curiosa…)”.
Podemos achegarnos ao posible percorrido realizado por Exeria se temos en conta que faltan os primeiros folios e que a narración comeza no momento en que entra no val que a conducirá ao monte Sinaí. Saíndo de Occidente – Galicia? – chegou a Xerusalén na Pascua do ano 381. Hai unha lagoa cronolóxica importante xa que non sabemos nada da súa estadía en Oriente ata decembro do ano 383. Pisa primeiramente Constantinopla e de alí chega a Xerusalén onde visita cada un dos Santos Lugares: o sitio onde tivo lugar a Paixón e Resurrección de Cristo, o monte das Oliveiras, Getsemaní, Betania, etc… Atopámola máis tarde no val do Sinaí, a onde chegara procedente de Exipto, concretamente da Tebaida. De seguido percorre Samaría, toda Galilea e Xudea.
Descoñecemos a onde volveu ao final da súa viaxe, xa que ao final da primeira parte da súa obra parece non atoparse moi ben de saúde en Constantinopla.
Acabaría alí os seus días ou volvería a Gallaecia?
“Pero en Exeria temos a primeira escritora galega en latín. E o parangón literario non se pode facer cos homes escritores en latín, porque no mundo romano… a actividade desenvolvida pola muller escritora foi moi escasa, ou case que nula. Non podemos saber a educación que recibiu, aínda que foi pouco máis alá das lecturas bíblicas.” (Exeria. Viaxe á Terra Santa. Tradución, introdución e notas de X. Eduardo López Pereira. Vigo 1991,p.23).
FONTES:
· J. Eduardo López Pereira, O primeiro espertar cultural de Galicia. USC 1989.
· Exeria. Viaxe á Terra Santa. Tradución, introdución e notas de X. Eduardo López Pereira. Vigo 1991
Para achegarmonos á realidade social e cultural do século IV na Gallaecia romana, propoñémoslles aos alumnos/as dividir o traballo en catro grandes apartados:
- Situación política e administrativa do Imperio Romano: a división territorial de Hispania, límites xeográficos da Gallaecia romana na época de Exeria ( os conventus Bracarensis, Lucensis e Asturiciensis).
- A personalidade de Exeria e a súa obra. A súa posible relación co priscilianismo. A situación deste movemento rigorista no Noroeste peninsular. A lenda sobre o seu enterramento: Santiago ou Prisciliano?
- Resumo e localización espacial dos principais lugares que vai visitando a nosa viaxeira.
- Morte en Terra Santa ou volta á Gallaecia? Supoñamos por un momento que logra volver e que desembarca en Portus Cale para dirixirse pola Vía XIX , Bracara ad Asturicam, camiño de Iria Flavia: cales son as principais mansiones do Itinerario de Antonino que debe percorrer? En cal delas, se ti foses Exeria, che gustaría descansar? Estudo do léxico relativo ás comunicacións (itinerario, mansiones, miliario, stratam…)
(Nota: debemos fixarnos moi ben nos enlaces que se nos propoñen na Wikipedia. Subliñamos tamén a importancia das dúas fontes citadas anteriormente).
1 comentario:
Un excelente traballo e unha moi boa maneira de achegalo ao alumnado, mediante a búsqueda e selección de información.
Publicar un comentario